Familias caboverdianas en Galiza
Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos cuidados e das remesas
O proxecto “Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e as remesas” foi unha investigación levada a cabo entre os anos 2021 e 2023 ao abeiro das axudas para a investigación en materia de cooperación ao desenvolvemento da Cooperación Galega (Xunta de Galicia). Desenvolveuse por parte da equipa de investigación de Mulleres á Fronte, en colaboración coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social,
AGARESO e a
Universidade de Cabo Verde.
A investigación indagou nas transferencias de coidados e tamén de remesas en cinco familias de migrantes caboverdianas, entrevistando a mulleres de diversas xeracións tanto na localidade galega de Burela, como na illa de orixe en Cabo Verde, Santiago. Para o estudo centrámonos en dous elementos: a) O establecemento de cadeas globais de coidados, que favorecen unha organización transnacional da atención tanto das persoas que permanecen en orixe (crianzas, familiares, persoas en situación de dependencia) como das familias nos países de destino (as propias familias migrantes, pero tamén familias autóctonas que contratan man de obra migrante como empregadas de fogar); e, b) as remesas, tanto materiais (recursos económicos, bens…) como inmateriais (coidados, valores…), que circulan nese espazo transnacional creado polas persoas migrantes. Concretamente, analizouse o impacto que teñen estes dous elementos, organización transnacional dos coidados e remesas, no desenvolvemento. No marco da investigación realizouse un documental que leva por título Si ka badu, ka ta biradu.