Sempre me gustou o teatro; estivo presente nos meus xogos de pequena, pero foi dende a aula de teatro universitario onde comecei coas clases de interpretación; isto foi no ano 1994. Desde entón fixen infinidade de cursos relacionados co mundo da interpretación e representación de adaptacións a nivel afeccionado. Pouco a pouco fun dando pasos cara a profesionalización como figurante en series, spots publicitarios, obras de teatro, visitas teatrais e profesora de teatro nos colexios.
Actualmente, xunto co meu compañeiro de escena Antón Ferrari, comezamos a promoción do noso último traballo: Os Terracultores, unha fábula ecolóxica con ciencia ficción, humor e moita realidade; aderezada con poesía, amor pola natureza e fe no consumo e actitudes responsables cara ao lugar onde vivimos. Trátase dun espectáculo para toda a familia, con técnicas de clown e cancións interpretadas por actores en directo. Tamén con coreografías de baile e artes marciais que contribúen a unha posta en escena cun ritmo que emociona aos máis pequenos.