Malinche é o nome do proxecto artístico de Vanessa, unha muller latinoamericana de nacionalidade peruana, residente en Boiro, estudante universitaria, e nai de dúas fillas, unha nacida no Perú e outra que chegou ao mundo en Galicia.
A súa proposta creativa é improtestimonial, un tipo de teatro que aborda cuestións e problemáticas persoais na procura dunha transformación social e individual.
Por unha banda, Malinche propón un proxecto para visibilizar a inmigración feminina latinoamericana residente en Galicia. Mulleres que chegan buscando mellores oportunidades vitais, como aquelas peruanas que foxen do seu país por sufrir altos niveis de violencia de xénero e violencia contra as mulleres nas rúas. Moitas delas son mulleres cualificadas e profesionais ás cales non se lles recoñece a súa formación nos países aos que emigran. Neste obradoiro, propón concibir o empoderamento feminino como unha forma de que as mulleres se constrúan ou reconstrúan a si mesmas co apoio doutras mulleres.
Por outra banda, Malinche tamén conta cun obradoiro dirixido ás mulleres do Perú, como parte dun proceso de empoderamento e benestar feminino. Este obradoiro leva por nome “Empoderamento feminino desde a construción no Perú”, e consiste en realizar talleres de construción para mulleres, para que adquiran as ferramentas que lles permitan mellorar o seu hábitat e os seus fogares. Mulleres que, a través destes coñecementos, poidan cimentar con barro os solos de terra das súas casas sen necesidade de depender dun home para poder facelo.