< Volver
Música

Fika Ribeiro - Kultura Esperansa

Fika Ribeiro é integrante do grupo de batukaderas "Kultura Esperansa", nacido en 2005 en Ribeira das Pratas, na illa de Santiago de Cabo Verde. En 2008 lanzaron o seu primeiro traballo (CD & DVD), logrando grande suceso no país e a súa diáspora. Fika, unha das vocalistas e compositoras do grupo, chegou a Burela en 2009 xunto coa súa familia.

A evolución do grupo“Kultura Esperansa” está relacionada coa emigración de varias das súas integrantes a Europa. Inicialmente o grupo estaba composto por 15 mulleres, das que case a metade emigraron a Europa. Actualmente, seis están en Marsella, unha en Burela e sete en Cabo Verde, onde continúan actuando. A migración non supuxo o fin do grupo, como ten acontecido noutros casos, senón que as súas integrantes foron buscando o xeito de manter o seu traballo vivo a pesar das distancias. Anos atrás comenzaron a preparar gravacións aqui na Europa, ante a dificuldade de facelo en Cabo Verde. Na actualidade, están a producir videoclips e temas musicais de forma transnacional, gravando imaxes, vozes e sons nos tres países e editando posteriormente o conxunto.

Fika Ribeiro colabora co grupo Batuko Tabanka, de Burela, co que ten actuado en numerosas ocasións, participando do seu 2º traballo discográfico. Ten colaborado con numerosos profesionais da música caboverdiana como Beto Dias, estando en proceso de elaboración dunha nova versión do tema Rabenta ku Bida, que foi un grande éxito en 2005.