< Volver
Danza
Música

Batuko Tabanka

Batuko Tabanka é un grupo creado no ano 2000 en Burela, formado por catorce mulleres caboverdianas residentes na localidade, algunhas desde finais dos anos 70 e outras recentemente. As tres integrantes máis novas do grupo migraron sendo nenas a Burela, xunto coas súas familias.

O batuko é unha manifestación cultural das mulleres da illa de Santiago de Cabo Verde, de raíz africana, composto por canto, percusión (txabeta) e baile (torno). O grupo tomou o nome Tabanka da asociación cultural que representa á comunidade caboverdiana desde 1987.

A súa primeira actuación tivo lugar en Burela en maio de 2000, na II Noite Caboverdiana. Nestas máis de dúas décadas de existencia actuaron en toda a xeografía galega, tanto en Festivais (Cantos na Maré, Foliada de Lalín, Ortigueira, Noites no Castelo, Osa do Mar, entre outros), como en eventos vinculados á migración (Consello da Cultura Galega), a cooperación (Fondo Galego de Cooperación) e a igualdade (Marcha Mundial de Mulleres, 8 de Marzo), tendo protagonizando numerosos espazos televisivos. Actuaron en diversos lugares do territorio español (Museo Nacional de Antropología, Barcelona, Navarra, Cádiz), Portugal e Francia. Viaxaron a Cabo Verde en tres ocasións, nas que mostraron a súa arte xunto con outros grupos da terra nai.

En 2009 editaron o seu traballo Djuntamô (Casa de Tolos), no que colaboraron recoñecidos artistas do panorama musical galego e caboverdiano, como Mercedes Peón, Uxía, Xosé Manuel Budiño, Vadú, Ntoni Denti D´oro, Txeka ou Nha Nácia Gomi. En 

Foron nomeadas Mestras da Memoria en 2020 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

O grupo foi cambiando de integrantes ao longo das súas máis de dúas décadas de existencia, estando na actualidade composto por Antonina de Cangas, Belita, Chuca, Isabel, Desidéria, Fafá, Mariazinha, Lenisa, Patricia, Miriam, Djennifer, Vá, Sónia e Dexa.