Recollida das algas
María Sofía da Costa Tavares
Burela, Lugo. 2023
Foto 1 de 2
Esta é a praia onde colliamos algas. Só se traballaba no verán. Normalmente madrugábamos moito. Igual saíamos de casa ás 6 ou 7 da mañá. A miña nai controlaba dependendo da lúa e das mareas, pois se estaba a marea máis baixa era cando podías coller algas. Levábamos comida ou merenda e todo o día ata pola tarde. Baixaba ata as rochas por esta zona, que agora está todo pelado, ata máis aló. E arrincábamos algas, facíamos montañas e logo metiámolas no saco. Foi aí onde aprendín a tradición de cargar todo na cabeza. E despois de carrexar as algas, tiñas que tendelas no chan para secalas, porque secas valían máis. Ías xuntando, facías coma unha montaña, a miña nai cubríaa con plástico e cada dúas semanas viña un camión para levalas, e tamén iso, botalas no camión... Organizábase en familias, sobre todo as mulleres. A min o que me gustaba, cando acababas a tempada a finais de agosto ou setembro, era que os meus pais, bo, a miña nai comprábanos con eses cartos os libros escolares, compraba os chándales de marca e xa ías contenta para o colexio.